fbpx

Manifesto do Orgullo LGTBI 2022 da Coruña

Manifesto do orgullo 2022 da Coruña
Manifestación del Orgullo en 2021 en A Coruña. Propiedad de ALAS A Coruña, todos los derechos reservados.
As organizacións que convocamos, ALAS A Coruña, CASCO, LesCoruña, ORCO e OROD, queremos darvos as grazas por estar aquí hoxe na Manifestación do Orgullo LGTBI+ da Coruña. Grazas por saír connosco a reivindicar os nosos dereitos e a berrar ben forte que basta xa de LGTBIfobia. Grazas por saír sen medo a reivindicarvos tal e como sodes. Esta é a maior manifestación de liberdade, igualdade e diversidade do noso colectivo. Grazas por estar aquí fronte ao odio, con visibilidade, con orgullo e resistindo.

Os dereitos acadados

O movemento LGTBI do Estado español leva máis de 30 anos loitando e conquistando con unllas, dentes e moita pluma, os dereitos do noso colectivo. Somos un exemplo na conquista dos dereitos humanos dentro e fora das nosas fronteiras.

Dereitos como o matrimonio igualitario, conseguido xa hai dezasete anos. Toda unha xeración nacida en igualdade.
Dereitos como as leis autonómicas LGTBI+, que pelexaron tantas activistas nas súas comunidades autónomas. Estas leis son imprescindibles. Por iso esiximos dende aquí aos gobernos e institucións o compromiso de loitar e acadar medidas contra a LGTBIfobia e que garantan os nosos dereitos. Denunciamos que a lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI de Galicia é unha lei floreiro, baleira de recursos que aseguren e garantan o seu cumprimento.

Os dereitos futuros

E dereitos como a futura Lei Trans e LGTBI+, o xa por fin proxecto de lei que esiximos se aprobe canto antes. Porque da súa aprobación dependen os dereitos do colectivo, das lesbianas, os dereitos das persoas bisexuais, os dereitos dos gais, das persoas intersexuais e, sobre todo, os dereitos das persoas trans e non binarias, que aguantaron e sufriron enormemente durante a tramitación desta lei, que viviron insultos, acoso, mentiras, bulos e campañas de odio. E que, a pesar ese odio, devolveron valentía, ledicia e dignidade, esixindo os seus dereitos cargadas de razóns, co berro que se escoitou por todo o Estado: ESIXIMOS A IGUALDADE DAS PERSOAS TRANS.
Intercambio de la bandera trans en Ribadeo – Vegadeo. Propiedad de ALAS A Coruña, todos los derechos reservados.
Esta lei que impulsamos dende o activismo LGTBI+ é unha lei que apoian os colectivos LGTBI+ de todo o Estado, é o cénit da loita pola igualdade da actual xeración de activistas, como o foi o matrimonio en 2005. Estamos a vivir un momento histórico, estamos a piques de acadar a igualdade ante a lei das persoas trans, a súa autodeterminación, o recoñecemento da súa identidade por parte do Estado sen esixirlles probas, testemuñas, xustificantes médicos ou tratamentos.

As nosas reivindicacións

Pero non imos esquecer, nunca imos esquecer que, para que os dereitos LGTBI+ sexan completos, estes deben ser para todas, todos e, si, todes. Por iso, hoxe, dende aquí, queremos que o colectivo LGTBI+ teña unha voz unánime esixindo:
  • Que se garantan os dereitos das persoas trans migrantes! Basta de trabas administrativas, basta de pedir documentos para dificultar o seu cambio rexistral.
  • Que se garantan os dereitos dos menores trans! Os menores trans, independentemente da súa idade, deben contar cun procedemento para poder solicitar o cambio de sexo no rexistro cando o necesiten.
  • Que se recoñeza a identidade das persoas non binarias! Que as persoas non binarias poidan acreditar coa súa documentación con que xénero se identifican.
Basta de categorizar ás persoas contra a súa vontade e identidade. Imos berrar, unha e outra vez, ata que todos os partidos políticos entendan que o seu papel é trasladar ás institucións a voz organizada do colectivo LGTBI+, que deben impulsar as leis e dereitos que nos pertencen e que esiximos dende o activismo:  Lei Trans e LGTBI XA!!
Avisamos de que non vamos a deixar pasar os discursos de odio nin aos partidos e grupos que, dende espazos de poder lexislativo e político, estigmatizan ao noso colectivo e a tantos outros que non pensan como eles. Os discursos de odio e quen os defenden non teñen cabida na nosa sociedade nin nas nosas institucións. Sen dereitos humanos no hai democracia e non imos permitir que nos sigades atacando. FORA OS DISCURSOS DE ODIO DA NOSA SOCIEDADE!

En lembranza

Manifestámonos por ti, Samuel, e por todas as vítimas da LGTBIfobia. Vítimas de insultos, discriminación, malleiras ou acoso só por ser LGTBI+.
E non podemos esquecer ás nove vítimas do tiroteo no Pub London de Oslo, hai apenas catro días. Un acto de odio e terrorismo contra o noso colectivo. Dende aquí queremos mandarlles toda a nosa forza a agarimo. Estamos canda vós!
Por isto é necesario o Orgullo. Por isto é necesario que sigamos saíndo ás rúas a reivindicar os nosos dereitos. O dereito a ser quen somos, sen medo. Porque o Orgullo é moito máis que barras e concertos. O Orgullo son 365 días de loita e reivindicación. O Orgullo é unha revolta e non podemos esquecer a nosa memoria histórica.

Seguiremos reivindicando a memoria de todas as que xa non están connosco. Seguiremos berrando para que se lle faga xustiza a todas as vítimas da LGTBIfobia. Seguiremos bailando, puño en alto, para celebrar as nosas vidas e as das que xa non están. E seguiremos saíndo á rúa con orgullo. Malia a quen lle pese, seguiremos aquí, facendo coa nosa mensaxe unha sociedade máis diversa e xusta.

Viva a loita do colectivo LGTBI!

Feliz Orgullo!

¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.