fbpx

XVI Premio Marcela e Elisa

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña decidiu galardoar co premio Marcela e Elisa de 2020 a Lázaro Louzao, director de cine e fotógrafo. Ante a crise sanitaria que estamos a vivir, decidimos pospoñer a habitual cerimonia de entrega e agardar ata que a situación o permita.

Malia o difícil momento que estamos a vivir como sociedade e como colectivo, non queremos deixar de visibilizar o labor que moitas persoas da Coruña e a súa comarca seguen a realizar en prol dos nosos dereitos.
Estes premios foron outorgados durante dez anos polo xa desaparecido colectivo Milhomes, e foron recuperados no ano 2015 pola nosa entidade. Entre as persoas e institucións que foron galardoadas destacan: o Comité Anti Sida de A Coruña, o Real Club Deportivo de A Coruña, a compañía de teatro A Panadaría ou Trini Falcés, muller represaliada pola ditadura franquista.

XVI premio Marcela y Elisa
Propiedade de Lázaro Louzao. Todos os dereitos reservados.

Coa entrega deste galardón a Lázaro Louzao, queremos recoñecer a traxectoria de quen, con moi poucos recursos, apostou por levar á gran pantalla unha longametraxe de temática LGTBI íntegramente en galego, Nove de Novembro. Ademais, dende hai máis dunha década non deixou de retratar a diversidade de afectos e de corpos, centrando o seu  obxectivo no espido masculino. A súa mirada artística, libre de prexuízos, tense atopado en numerosas ocasións coa censura das redes sociais e institucións, ante a que non cedeu. A recuperación da memoria das vítimas do Holocausto, moitas delas pertencentes ao colectivo LGTBI, figura tamén entre os seus méritos para este galardón.
Premiando a figura de Lázaro Louzao, brindamos a nosa particular homenaxe ás xentes da cultura. Sen a súa xenerosidade, este confinamento tería sido aínda máis duro. O seu  filme, ao igual ca obra doutros artistas, estivo dispoñible online e de balde, facendo máis livián o encerro de quen, por diversas razóns, tivo que volver ao armario.

¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.