Hai máis dun mes que decidimos celebrar o Orgullo 2020 evitando aglomeracións e concentracións. Por iso, este ano non estaremos nas rúas da Coruña ou doutros lugares reivindicando os nosos dereitos. Porén, invitámosvos a engalanar os vosos balcóns e fiestras coas cores do noso Orgullo e a inundar as redes de diversidade. Podédesvos unir á campaña #MiBalconMiOrgullo e etiquetarnos en Twitter e Instagram.
Mais o Orgullo non se cancela
Non quedaremos sen o noso Orgullo. Como comunidade, temos a responsabilidade de coidar de todas as persoas e non queremos poñer en risco a vida ou saúde de ninguén. Por iso, animámosvos a participar na manifestación online do 4 de xullo convocada pola FELGTB e as súas 53 entidades. Como non podía ser doutra forma, estaremos presentes reivindicando os dereitos das mulleres LTB, en especial das mulleres trans, porque non hai unha única maneira de ser muller.
Como cada 28 de xuño, compre recordar que o Orgullo é máis ca unha festa ou un desfile. É unha reivindicación, e como tal, queremos facer chegar o manifesto que acordamos xunto coas entidades coruñesas CASCO, CoruFest, LesCoruña, a Rede Educativa de Apoio LGBTI+ e Orgullo Coruña.
Manifesto do Orgullo da Coruña 2020
As mulleres lesbianas, bisexuais, trans e intersexuais ocupamos os nosos espazos e damos un paso ao fronte na loita polos dereitos do colectivo LGTBI
Poñémonos en acción, alzamos a nosa voz, visibilizámonos, unímonos á onda do feminismo internacional e transversal, para impulsar o cambio e acadar a igualdade real xunto ao resto de mulleres, as nosas irmás.
Sen vergoña e sen medos. Con sororidade e dende o feminismo. Traballando de maneira integradora. Sen deixar a ninguén fóra nin detrás. A ninguén!
O feminismo é a única opción posible porque non segrega, nin entre mulleres, nin entre persoas, non cuestiona identidades e non está por riba dos dereitos humanos.
Irmás, tócanos loitar a todas unidas!
Compañeiras, debemos ser máis aliadas ca nunca!
Todas sabemos que non existe unha única forma de ser muller e, en consecuencia, non consentimos que ninguén cuestione nin a nosa sexualidade, nin a nosa identidade, nin violente a nosa persoa ou ataque a nosa realidade.
Revelámonos fai 51 anos en Stonewall contra a orde establecida, pelexamos nas rúas polo noso dereito ao matrimonio e, porén, non logramos sacar adiante a Lei Trans que precisamos para que se sume á lexislación xa acadada.
Repuxémonos ao rexeitamento da nosas familias e establecemos formas novas de familias. Enfrontámonos ao discurso de quen nos dicía que tiñamos unha enfermidade. Plantamos cara ao acoso, á burla e reapropiámonos do insulto; reinventámonos ante a discriminación laboral e cruzamos fronteiras en busca dunha vida en liberdade.
A crise que vimos de pasar maximizou problemas xa existentes, agravando situacións discriminatorias que, se antes do confinamento eran preocupantes, agora son intolerables.
Hoxe esiximos ao Goberno de España que acelere a reforma da Lei Integral Trans e a aprobación da Lei Estatal LGTBI.
Con esa garantía evitaremos vetos parentais á educación en diversidade sexoxenérica, garantiremos a libre autodeterminación de xénero e despatoloxizaríamos as realidades trans. Protexeremos ás nosas familias e sancionaranse de maneira efectiva os discursos e delitos de odio. Equipararemos dereitos en todas as Comunidades Autónomas e dignificaremos a todas as persoas.
Este Orgullo é mais necesario ca nunca porque, se impregnamos as rúas coas nosas cores, impregnaremos tamén as nosas reivindicacións.
Sororidade e feminismo para TRANSformar.
Mulleres lesbianas, bisexuais, trans e intersexuais en acción!
Polas máis vulnerables!