fbpx

Demanda á CRTVG por acoso Laboral

Un traballador da TVG presenta unha demanda ante os xulgados polo acoso laboral que está a padecer por mor da súa orientación sexual
manifestación del 1 de mayo
ALAS A Coruña na manifestación do 1 de maio de 2020. Todos os dereitos reservados.

O traballador da TVG Fito Ferreiro ten interposto unha demanda ante o xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela e irá a xuízo o próximo 15 de xuño ás 13:15 horas pola situación de acoso que leva sufrindo dende hai anos por “a súa actividade sindical, política” e, “de forma especial” pola súa orientación sexual, “por ser homosexual”. Antes de chegar aos tribunais, Ferreiro mandara un escrito á Dirección de Recursos Humanos do ente público e tiña interposto unha denuncia previa ante a comisión de acoso da CRTVG.

“Fago pública esta situación de acoso, mobbing e LGTBIfobia para visibilizar a fustrigación que sufrimos as persoas LGTBI no nosa contorna laboral. Tamén para animar a todas as persoas que sufren acoso por LGTBIfobia no traballo a que se animen a visibilizar o seu problema”, afirma o reporteiro gráfico, que lembra que preto dun 70% das persoas LGTBI teñen sufrido situacións de acoso no eido laboral e un 60% viuse rexeitado polos seus compañeiros e compañeiras, pero só un 10% atrévese a denuncialo, segundo un estudo realizado por fontes sindicais no ano 2019 (Fonte, UGT).

Ferreiro comezou a vivir este acoso a partires do 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario. “Eu levaba no activismo LGTBI dende 1998, pero foi nese ano cando din un salto como activista, pasando a ser entrevistado por medios locais, galegos e nacionais”, explica. Xusto nese intre, no que comezaba a súa exposición pública, dende a TVG deixan de envialo a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade ata aquel entón, e o destinan ao Telexornal mediodía, con horario de 7:30 a 15:00.

Ademais, a partir de entón lle asignan so noticias das denominadas “de cor”, informacións secundarias que ían desde o número 27 cara abaixo na escaleta dos informativos. Tamén dende ese ano 2005 deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG, uns traballos que viña realizando dende finais dos 90.

A isto engádese que Ferreiro tramitou varias peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar do seu pai, cunha dependencia do 69%, sen resposta. Mentres tanto, explica, oito reporteiros gráficos coma el foron asignados a esta delegación en comisión de servizo e outros compañeiros realizan substitucións de forma habitual. Tamén existe persoal contratado no seu mesmo posto de traballo.

O reporteiro gráfico, que na súa denuncia conta co apoio de FEGLTB, CCOO e ALAS, sinala que sentiu “discriminación para realizar novos proxectos ou traballos de nivel profesional superior” na TVG. “A miña orientación sexual limitou as miñas oportunidades laborais e fixo que me estancara profesionalmente, pódese dicir que cortaron a miña carreira profesional”, afirma Ferreiro. “Todas as persoas temos dereito a unha vida digna, libre de discriminación e violencia, e o eido laboral debe ser un espazo no que poidamos desenvolver a nosa personalidade plenamente e sen medo á discriminación ou o rexeitamento” reivindica.

A presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, recorda que “cando falamos de non discriminación no eido laboral estamos falando tamén de Dereitos Humanos” e que “a orientación sexual non debería ser un condicionante nin para ben nin para mal, para o desenvolvemento profesional da persoa”. Porén, denuncia que segundo datos da Axencia Europea para os Dereitos Fundamentais (FRAN), un 30% das persoas LGTBI en España non se visibiliza como tal no eido laboral por medo ás represalias, e que o 40% das persoas LGTBI en España ten dificultades máis ou menos graves para chegar a fin de mes.

Por outra banda, o coordinador do Grupo de Laboral da FELGTB, David Senabre, denunciou que as persoas LGTBI teñan aínda que se enfrontar a este tipo de situacións, e que a LGTBIfobia é unha discriminación que xera importantes riscos psicosociais a quen as padece. Por este motivo, defendeu que a prevención do acoso laboral motivado pola orientación sexual ou a identidade de xénero debería formar parte das políticas de prevención de riscos laborais das empresas. Senabre convida a calquera persoa que padeza LGTBIfobia a seguir os pasos de Ferreiro e denunciar para rematar co acoso laboral nas empresas.

De igual xeito, Mary Rodríguez de CCOO FSC Galicia asegura “non imos permitir que se menoscaben os dereitos de ningunha persoa nin a discriminación, o acoso, o rexeitamento directo ou indirecto, nin a violencia para as persoas LGTBI, especialmente no eido laboral. Reivindicamos e defendemos os dereitos do colectivo LGTBI, loitaremos e denunciaremos os actos e actitudes LGTBIfóbicas, veñan de donde veñan, co obxectivo de que os Dereitos Humanos sexan valorados e respectados.

¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.