fbpx

En resposta ao brutal asasinato de Samuel na Coruña

Tralo asasinato de Samuel, un mozo da nosa cidade, queremos amosar a nosa máxima condena ante este crime, que aínda nos ten absolutamente conmocionadas. Confiamos en que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado investiguen a fondo este caso de violencia extrema e leven a quen queira que sexa responsable ante a xustiza, para que o odio non quede impune.

Dende o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, servizo que coordinamos, levamos alertando dos diferentes incidentes de odio que está a padecer a nosa comunidade. O pasado ano, adhesivos con mensaxes contra as persoas LGTBI apareceron en lugares céntricos da Coruña e non hai nin unha semana que tivemos que lamentar a agresión a unha parella homosexual no barrio de Monte Alto.

Non hai lugar en ningunha sociedade pretendidamente civilizada para esta clase de crimes e, hoxe máis ca nunca, sabemos que quen esporea o discurso de odio, malia que permaneza na segunda ringleira, é cómplice deste crime e de todas e cada unha das agresións que estamos a padecer. Queremos vivir sen medo, en cidades, vilas e aldeas, onde non teñamos que agocharnos nin pedir perdón ou permiso.

Convocamos á cidadanía o luns 5 de xullo ás 20h na praza de María Pita nunha concentración en sinal de condena a este crime abxecto. Dende ALAS A Coruña queremos enviar o noso más sentido pésame á familia e todas as persoas achegadas da vítima nestes momentos de dor. De igual maneira, queremos pedir que se respecte o loito e o duro transo que isto está a supoñer para elas.

¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.