

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña anuncia un novo aprazamento ata 2022 da celebración dos XXXII Encontros Estatais LGTBI (XXXII EE LGTBI).
Malia que a diferenza do pasado ano contamos con vacinas fronte á COVID-19, a situación sanitaria actual, caracterizada pola aparición de novas variantes do virus, non nos permite garantir a seguridade de todas as persoas participantes, moitas delas pertencentes a tramos de idade aínda non vacinados. Ademais, os cambios constantes que afectan ás normativas relativas aos aforos de eventos obrigaríannos a organizar uns encontros cun público moi reducido.
Outro elemento que nos levou a tomar esta dura decisión foi o feito de que as conexións da cidade por ferrocarril e avión aínda non recuperaron a normalidade nas súas frecuencias, o que dificultaría a participación de persoas procedentes doutras comunidades autónomas.
Queremos agradecer á Xunta de Galicia, ao Concello da Coruña, á Deputación da Coruña e á Universidade da Coruña todo o apoio amosado cara este proxecto dende novembro do 2019. Confiamos en seguir contando cas súas achegas para sacar adiante os XXXII EE LGTBI.
Desexamos que o ritmo de vacinación continúe e facemos un chamamento á responsabilidade individual, só deste xeito deixaremos ao virus atrás e A Coruña poderá acoller esta gran cita do activismo LGTBI no 2022.