A pintada deste símbolo asociado ao nacísimo supón unha afronta á memoria da comunidade LGTBI e cara a todas as persoas que defenden os Dereitos Humanos. Durante o Holocausto millóns de homosexuais foron exterminados polo réxime nazi e o símbolo do triángulo rosa invertido continúa a ser un signo da loita das persoas LGTBI fronte ao totalitarismo.
Hai escasos días, o Ministerio do Interior alertaba dun incremento do 9,3% nos delitos de odio no primeiro semestre deste 2021. Á data de hoxe, e dende comezos de ano, o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, servizo de ALAS A Coruña, ten rexistrados 54 incidentes de odio en toda Galicia, dos cales 26 poden ser tipificados como agresións. Estas cifras esixen que todas as institucións traballen de xeito conxunto na prevención da LGTBIfobia e na erradicación dos discursos de odio cara colectivos especialmente vulnerables.
Esta mañá, representantes de ALAS A Coruña mantiveron unha reunión coa concelleira de igualdade de Carballo. Neste encontro lembráronlle o compromiso adquirido polo seu concello en 2019, trala brutal agresión a dúas mozas da localidade, de potenciar as políticas LGTBI, facendo especial fincapé na educación en diversidade nos centros educativos. Promesas, ata hoxe, incumpridas.