fbpx

Vixilia en apoio e lembranza das vítimas da LGTBIfobia

Vigilia contra la LGTBIfobia
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS A Coruña), co gallo do Día da Memoria Trans, convoca a toda a cidadanía a participar nunha vixilia silenciosa en apoio e lembranza de todas as vítimas da LGTBIfobia. Este acto de homenaxe terá lugar o sábado, 20 de novembro, ás 19:00 no Obelisco da Coruña. Ao remate do mesmo a presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, lerá un manifesto.

Cada 20 de novembro a comunidade LGTBI lembra a todas as vítimas da violencia e do odio cara as persoas trans. O Día da Memoria Trans serve como homenaxe daquelas que defenderon os dereitos de toda a comunidade LGTBI desde os inicios deste movemento social nos anos 60 do século pasado. A día de hoxe, as persoas trans seguen a ser o colectivo máis discriminado dentro da gran familia da diversidade e así o sinalan os informes elaborados polos observatorios contra a LGTBIfobia espallados por todo o territorio nacional, incluído o do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia.

A normalización e institucionalización dos discursos de odio sitúan á comunidade LGTBI no punto de mira, o que provoca que tan só en Galicia tivesen lugar feitos como a agresión ao artista LGTBI, Alberte Bello no barrio do Berbés de Vigo ou as pintadas contra a comunidade LGTBI en diferentes centros educativos.

Coa celebración desta vixilia, ALAS A Coruña busca concienciar á cidadanía sobre a violencia cara as persoas LGTBI e esixe a todas as institucións a posta en marcha de xeito urxente de medidas para previr a LGTBIfobia nas cidades e vilas de toda Galicia. Compre que estas mesmas institucións lembren que as asociacións LGTBI prestan servizos a toda a cidadanía e para isto precisan dun apoio e dun financiamento acorde cos servizos prestados. A entidade convida ás persoas participantes neste acto a portar candeas en lembranza de todas as vítimas dos discursos de odio e da violencia.
¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.