Co gallo do primeiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz, a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS A Coruña) organizará unha vixilia o sábado 2 de xullo ás 18:30, na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club.
O vindeiro domingo 3 de xullo cúmprese un ano do asasinato de Samuel Luiz, un suceso que conmocionou a toda a cidadanía e que mudou a percepción que a sociedade ten da violencia cara a comunidade LGTBI. Co fin de honrar a súa memoria, así como a doutras vítimas da LGTBIfobia, ALAS A Coruña gardará un minuto de silencio e fará unha ofrenda floral no lugar onde aconteceron os feitos.
Por se tratar dun acto de lembranza, e para respectar o proceso xudicial aberto do que ALAS A Coruña é parte, non haberá lectura de ningún manifesto. Pregarase que todas as persoas que acudan garden o debido decoro e respecto que a memoria de Samuel Luiz merece.