A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS A Coruña) convídalles á presentación do novo cómic do ilustrador Pablo Carreiro, o sábado 21 de xaneiro ás 12:30 no Monty Ambigú.
Pablo Carreiro, baixo o selo Editorial Siete Islas, publica Chico! Los que van detrás de la fila. A súa obra máis persoal e na que continúa expandindo o universo das personaxes que xa nos presentara en Chico! (Librospuntocom, 2018) e Chico!#2 (Librosindie, 2021).
Berto, alter ego do autor e protagonista novamente da obra, amósanos a vida cotiá dun mozo de dezaseis años. Unha historia que mistura ficción e lembranzas persoais. Mais Berto non camiña só e o peso que teñen na obra as súas amigas (Rika, Hannah e Lorelá) fannos reflexionar sobre a importancia da familia escollida.
Chico! Los que van detrás de la fila é unha volta aos seus días no colexio do seu Vigo natal, alá polo 2002. Nun exercicio de nostalxia, o autor recupera momentos icónicos como o paso de Rosa por Eurovisión. Alejandro Parreño, outro dos participantes daquela mítica edición de Operación Triunfo, asina o prólogo desta obra.
Unha vez máis, o autor volve izar a bandeira LGTBI con momentos clave como a aceptación dun mesmo ou a saída do armario. As súas viñetas están cheas de referencias a iconas da cultura pop como Sailor Moon ou Raffaella Carrá, complementados cunha linguaxe tenra e chea de retranca.
Pablo Carreiro visitará A Coruña o sábado 21 de xaneiro ás 12:30h no Monty Ambigú para charlar sobre este novo volume das historias de Berto. Diego Brandariz, vogal de ALAS A Coruña, será o encargado de dar a benvida tanto a este ilustrador coma ao público.