fbpx

Resultados do informe 2022 do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia

A asociación ALAS A Coruña ven de publicar o informe “Nin vagas nin maleantes”, dedicado á memoria de Trini Falcés, lamentablemente falecida no 2022, activista trans e pioneira na defensa dos dereitos da comunidade LGTBI, méritos que a fixeron merecedora do premio Marcela e Elisa no 2019. O quinto informe do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia amosa unha estabilización no número de incidentes rexistrados, malia que as agresións permanecen constantes.

Rolda de prensa no Concello da Coruña do Informe 2022 do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia. Propiedade de ALAS A Coruña.
O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia é un servizo da asociación ALAS A Coruña que contou dende os seus comezos co apoio do Concello da Coruña. Os coñecementos acumulados ao longo de máis dun lustro de traballo do observatorio permitirán ao equipo do mesmo facer análises comparativas sobre a situación da comunidade LGTBI en Galicia de xeito, se cabe, máis rigorosas. As 330 atencións vencelladas aos 220 casos atendidos por este servizo amosan unha estabilización con respecto ás cifras do pasado informe. Ao longo do 2022 o observatorio atendeu a persoas de 23 nacionalidades diferentes fronte ás 15 do 2021. Este alto volume de traballo implica que practicamente un día de cada dous o servizo ocupase dun novo caso. O 59,02% destas atencións teñen como persoas beneficiarias ás residentes na Coruña.
Ao longo dos doce meses que abrangue o informe, rexistráronse 68 incidentes de odio; 58 destes poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI galega. Malia o descenso dos incidentes con respecto ás cifras do 2021, o número de agresións permaneceu constante. Como en informes anteriores, a vía pública foi o principal escenario da LGTBIfobia. A cidade da Coruña rexistrou preto da metade, o 47,06%, do conxunto de incidentes de odio recollidos neste informe.
En palabras da presidenta da entidade, Ana G. Fernández “A lei LGTBI estatal brinda unha oportunidade única de avanzar a nivel autonómico e local en políticas que melloren a vida das persoas LGTBI, independentemente do lugar no que residan . Pedimos aos gobernos que teñan tolerancia cero contra os discursos de odio e que non deixen en mans de empresas os servizos dedicados á atención da nosa comunidade”. Os resultados deste quinto informe compartiranse con outros observatorios do Estado, a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+) da que ALAS A Coruña forma parte dende 2015, así como institucións como a Valedora do Pobo ou a Policía Nacional.
¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.