fbpx

Actividades Orgullo 2023

A asociación ALAS A Coruña presenta a súa programación co gallo do Orgullo LGTBI+ 2023. O programa consta dun total de 17 actividades distribuídas ao longo do mes de xuño, na súa maioría na cidade da Coruña, pero tamén noutros puntos da xeografía galega como Narón ou Padrón.
Propiedad de ALAS A Coruña. Todos os dereitos reservados.
ALAS A Coruña convida a toda a ciudadanía a sumarse ás celebracións do Orgullo LGTBI+ 2023 cunha programación que combina actividades formativas, de lecer e culturais. Estas comezarán o 1 de xuño no local de ALAS A Coruña cunha conversa sobre os retos e reivindicacións do activismo lésbico. As actividades de carácter formativo continuarán o 8 de xuño coa presenza do vicepresidente da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+), Mané Fernández, que analizará o proceso de negociación da nova Lei LGTBI+ e valorará a súa situación actual. Xa fora da cidade, ALAS A Coruña impartirá dous obradoiros sobre diversidade á Fundación Secretariado Xitano en Narón e á veciñanza de Padrón na súa biblioteca municipal.
Sen a Cultura é imposible entender ás reivindicacións da comunidade LGTBI+, por iso na programación hai espazo para a literatura coa presentación do libro Biciosas da escritora e activista bisexual, Ana Amigo. A música tamén estará presente cunha ponencia sobre compositores LGTBI+ da mán do profesor e músico, Iris Gil. A maiores, destacar que a cultura drag terá un papel relevante dentro da programación, xa que en colaboración coa plataforma Orgullo 365 desenvolverase un obradoiro de voguing e outro de costura drag.
Nun plano xa máis lúdico, entregaranse o 10 de xuño os XIX premios Marcela e Elisa ao IES Rafael Dieste da Coruña e ao IES Nº 1 de Ribeira, nun evento amenizado polo grupo folk De Ninghures. A programación do Orgullo 2023 pecharase a madrugada do 1 de xullo cunha festa no pub LGTBI+, Claro Boba, en colaboración con Orgullo 365; non sen antes pedir á cidadanía que se sume a manifestación do Orgullo LGTBI+ que recorrerá as rúas do centro da Coruña, o 28 de xuño a partir das 19:30. O domingo anterior, 25 de xuño pola tarde, terá lugar un obradoiro de elaboración de pancartas no local de ALAS A Coruña.
Este 2023, ALAS A Coruña ten decidido non apoiar a programación do Concello da Coruña durante o Orgullo ante a nula visibilidade das actividades reivindicativas dentro da mesma, unha constante dende o ano 2020. Segundo as palabras de Ana G. Fernández: “Esperamos que a nova lexislatura que está a piques de arrancar aposte pola convivencia das actividades lúdicas, reivindicativas e culturais por parte do novo goberno municipal. Ante o actual panorama político, faise máis necesario que nunca defender os nosos dereitos para evitar o retroceso dos mesmos”.
¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.