Coincidindo co terceiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz, a asociación LGTBI+ ALAS A Coruña organizará unha vixilia o mércores, 3 de xullo ás 20:00 na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club.
ALAS A Coruña, entidade que exerce a acusación popular no caso de Samuel Luiz, organiza por terceiro ano consecutivo un acto de homenaxe na súa lembranza. A asociación convoca a toda a cidadanía a se sumar a un minuto de silencio para posteriormente realizar unha ofrenda floral no lugar onde aconteceron os feitos.
Ao se tratar dun acto de homenaxe, a asociación non fará lectura de ningún manifesto co fin de respectar o proceso xudicial do que ALAS A Coruña é parte. Dende a organización prégase a todas as persoas que acudan ao mismo que garden o debido respecto que merece a memoria de Samuel Luiz.
Nesta data tan sinalada, a presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández manifesta que “agora que estamos a piques de iniciar o xuízo por este crime, vemos máis necesario ca nunca lembrar que máis aló do sensacionalismo e das cámaras hai unha familia e unhas amizades que nunca poderán recuperar ao seu ser querido”. Igualmente, fixo fincapé en “recalcar o impacto que os discursos de odio teñen na sociedade, normalizando actitudes hostís ou mesmo abertamente violentas, contra as que estaremos sempre vixiantes, para facer da nosa sociedade unha plenamente igualitaria”.