Todas as persoas desta comunidade temos padecido agresións verbais. Sen excepcións. Obxectarán vostedes que “non todo o mundo se queixa”, pero a realidade é que quen non se lamenta é porque está tan afeito a este tipo de condutas agresivas, que nin sequera é quen de percibilas como tal.
Así que, cando o 3 de xullo de 2021 comezaron a soar os teléfonos, a chegar as mensaxes e a correrse a voz do que acontecera aquela funesta madrugada, asistimos sen moito abraio, a como todo o mundo nos dicía que “nos estabamos a precipitar”, que os berros de “maricón de mierda” eran “cousa do momento”, que era algo que se di sen pensar. Tamén vimos como moita xente tentou que andáramos con pes de la, e mesmo descubrimos que nin as traxedias máis grandes bastan para que a clase política, especialmente a máis próxima, nos escoitase. Non creo que poida poñer en palabras a rabia que sentimos neses momentos, non só polo asasinato dun mozo inocente, senón porque se nos aconsellaba que era mellor deixalo estar. Porén, o clamor popular foi moi diferente e o curso de acción estaba claro. Non nos íamos poñer de lado nin a mirar cara outra parte.
Comezaba unha andadura moi complicada, chea de conversas difíciles e de emocións moi alteradas. De moita preparación para o peor, ao tempo que tiñamos que manter a actividade cotiá da entidade. Foron tres anos de ter que estar sempre coa mirada posta nos medios e co corazón permanentemente encollido ante todas as novas que ían xurdindo. Aí si que tivemos que morder a lingua. Porque o único que nos preocupou máis que demostrar a homofobia foi respectar á familia e as amizades de Samuel, e houbo moita xente moi interesada nas nosas reaccións, en ver se facíamos declaracións, e, tristemente, non sempre con boas intencións.