A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña acordou conceder o XXI premio Marcela e Elisa ao clube de lectura LGTBI+ da rede de bibliotecas municipais da Coruña, QUEERuña, polo seu firme compromiso coa difusión da cultura e dos dereitos da comunidade LGTBI+
ALAS A Coruña concede dende o 2015 estes galardóns, herdanza do desaparecido colectivo Milhomes. Cos mesmos, a asociación busca visibilizar o traballo de persoas ou entidades en favor dos dereitos da comunidade LGTBI+. A presentadora e guionista, Carolina Iglesias, ou a histórica activista, Trini Falcés, figuran entre as persoas homenaxeadas.
Con este galardón a asociación quere recoñecer o traballo desenvolto dende 2016 por este clube de lectura que comezou a súa andaina con 11 miembros e que na actualidade aglutina a 60 persoas. Ademáis, o seu traballo serviu de inspiración para a creación doutros clubes de lectura na comarca como o QueerBergondo e pon en valor a obra de creadores galegos LGTBI+.
Ao longo destes nove anos, o QUEERuña serviu como estímulo para potenciar o traballo que desenvolve o servizo municipal de bibliotecas da Coruña en materia de dereitos LGTBI+ a través de obradoiros, encontros, contacontos ou investigacións, nos que ALAS A Coruña colabora. O xurado destes premios tamén valorou o papel das bibliotecas públicas e o acceso gratuito á cultura LGTBI+ para toda a cidadanía, sendo espazos seguros para a comunidade LGTBI+.
A entrega do XXI premio Marcela e Elisa cambiará o seu formato habitual e realizarase no marco dunha gala benéfica o 5 de xuño na Coruña, cuxos beneficios irán destinados a financiar a atención de vítimas de delitos de odio. Os detalles sobre este evento daranse a coñecer nos próximos días por parte da entidade.



