A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña foi galardoada co premio Pedro Zerolo pola súa traxectoria no marco da XXXV edición dos Premios Triángulo, que outorga anualmente a asociación LGTBI+ madrileña COGAM. A entrega do recoñecemento tivo lugar o pasado venres, 30 de maio, durante unha emotiva gala celebrada no Espacio Larra de Madrid..
Este premio, que rende homenaxe a unha das figuras máis emblemáticas do activismo LGTBI+, recoñece o traballo de máis de quince anos da asociación na defensa dos dereitos LGTBI+ en Galicia, así como o seu firme compromiso coa igualdade e coa xustiza social.
Entre os motivos destacados para a concesión do galardón figuran o exercicio da acusación popular no caso de Samuel Luiz, unha decisión que reafirmou o compromiso da asociación na loita contra os discursos e delitos de odio; así como na defensa das vítimas a través do seu observatorio. COGAM tamén valorou como méritos os proxectos no ámbito da educación ou da saúde que esta entidade desenvolve en todo o territorio galego.
Nesta edición dos premios Triángulo tamén foron recoñecidas outras figuras relevantes como o presidente José Luis Rodríguez Zapatero ou a comunicadora Inés Hernand.
Desde ALAS A Coruña agradecen este recoñecemento a COGAM, xa que, en palabras do seu secretario, Carlos Tilve, quen recolleu o premio en nome da asociación: “supón un estímulo para continuar coa nosa labor, unha tarefa que é colectiva e que require do apoio de toda a cidadanía, así como das institucións, para seguir ofrecendo servizos de calidade”.



