Coincidindo co cuarto aniversario do asasinato de Samuel Luiz, a asociación LGTBI+ ALAS A Coruña organizará unha vixilia mañá, xoves, 3 de xullo ás 20:00 na Avenida de Buenos Aires, ao carón da discoteca Playa Club.
ALAS A Coruña, entidade que exerce a acusación popular no caso de Samuel Luiz, organiza por cuarto ano consecutivo un acto de homenaxe na súa memoria.
A asociación convoca a toda a cidadanía a sumarse a un minuto de silencio para, posteriormente, realizar unha ofrenda floral no lugar onde aconteceron os feitos.
Ao tratarse dun acto de homenaxe, a asociación non realizará lectura de ningún manifesto co fin de respectar o proceso xudicial do que ALAS A Coruña forma parte.
Desde a organización pregase a todas as persoas que asistan ao acto que garden o debido respecto que merece a memoria de Samuel.
Nesta data tan sinalada, a presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, manifesta que: “Malia que o proceso xudicial segue en curso, seguimos esixindo xustiza. Non só unha xustiza legal, senón tamén unha reparación social que poña no centro a dignidade de todas as persoas LGTBI+. A violencia non comeza nin remata nunha agresión, aliméntase de discursos, de silencios e de complicidades”. Ana lembra que: “Neste aniversario, máis ca nunca, reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade libre de violencia onde ninguén tema por ser quen é. Samuel non morreu por casualidade, matárono por ser e iso obríganos a non esquecer”.



