ALAS A Coruña valora a sentenza do Tribunal Supremo no caso de Samuel Luiz como un fito no recoñecemento xurídico dos delitos de odio.
ALAS A Coruña valora a sentenza do Tribunal Supremo sobre o asasinato de Samuel Luiz como unha resolución firme e coherente que confirma o xa sinalado polas instancias xudiciais inferiores: a extrema gravidade dos feitos, a aleivosía do ataque e a concorrencia da agravante de discriminación por orientación sexual. Este último aspecto, de especial relevancia, dá pleno sentido ao papel exercido por ALAS A Coruña como acusación popular ao longo de todo o proceso xudicial.
A sentenza da máis alta instancia xudicial do Estado consolida unha mensaxe inequívoca: o odio non ten cabida nunha sociedade plural e diversa. O recoñecemento expreso da motivación discriminatoria do crime ten un profundo significado social e xurídico, ao afirmar que a violencia exercida contra persoas LGTBI+ por razón de prexuízos non é unha violencia casual nin fortuíta.
En palabras da presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández: “Esta sentenza deixa claro que a xustiza non pode mirar cara outro lado cando a violencia está impulsada polo odio. Nomear o odio non divide, senón que protexe. Identificalo e sancionalo cando concorren os requisitos legais é unha forma de defensa dos dereitos fundamentais e da dignidade das persoas LGTBI+”.
Desde a entidade faise fincapé que esta resolución supón un avance significativo no recoñecemento xurídico dos delitos de odio e na protección dos dereitos das persoas LGTBI+. Ademais, lémbrase que a erradicación da violencia e da discriminación non pode limitarse ao eido xudicial. “A xustiza é imprescindible, pero non suficiente”, sinala a presidenta da entidade. “A loita contra a violencia esixe tamén prevención, educación e un compromiso firme das institucións e da sociedade fronte aos discursos que deshumanizan e lexitiman a exclusión”.
ALAS A Coruña lembra, así mesmo, que a memoria de Samuel Luiz se defende avanzando na aprobación dun Pacto de Estado frente aos discursos de odio cara aos grupos máis vulnerables e noutras medidas que persigan a consecución da igualdade real da comunidade LGTBI+, así como dotando de recursos ao noso sistema xudicial. “Ese é o único camiño para honrar a Samuel e para traballar para que feitos como os ocorridos non volvan repetirse”.



