Programación do Orgullo LGTBI+ 2026

A asociación organizará durante o mes de xuño e os primeiros días de xullo diversas actividades centradas na saúde sexual, a memoria, a participación comunitaria e a defensa dos dereitos LGTBI+.

A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña presentou a programación de actividades organizada con motivo do Orgullo LGTBI+ 2026, unha axenda que combina espazos de información, formación, cultura e reivindicación para promover a diversidade e os dereitos das persoas LGTBI+.

O 13 de xuño a entidade estará presente na Festa da Diversidade de Noia, A Berberechiña, onde instalará un posto informativo para achegar á cidadanía os recursos e servizos que ofrece a asociación.

Programación del orgullo LGTBI+ 2026
O 16 de xuño, ALAS A Coruña celebrará unha xornada sobre saúde sexual en colaboración co Comité Antisida da Coruña (CASCO). A actividade, centrada no lecer saudable dentro da comunidade LGTBI+, será impartida polo psicólogo Juan Bonome.
A programación continuará o 20 de xuño coa proxección da curtametraxe documental Querer ser, seguida dun coloquio co seu protagonista, Juan Luis Recio, quen compartirá a súa historia de vida e reflexionará sobre as súas experiencias e os retos do colectivo.
O 27 de xuño terá lugar un obradoiro de elaboración de pancartas aberto a todas as persoas que desexen participar na manifestación do Orgullo, que se celebrará o 28 de xuño. A marcha partirá ás 19:30 horas da praza de Ourense, percorrerá as principais rúas do centro da cidade e rematará na praza de María Pita coa lectura do manifesto.
Como peche da programación, o 3 de xullo celebrarase unha vixilia homenaxe a Samuel Luiz, ás 20:00 horas xunto ao Playa Club, nun acto de lembranza e compromiso fronte aos discursos e delitos de odio.
Con esta programación, ALAS A Coruña convida a toda a cidadanía a sumarse á celebración do Orgullo e a participar nunhas actividades que buscan visibilizar a diversidade, fortalecer a convivencia e seguir avanzando na defensa dos dereitos LGTBI+.
¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.