ALAS A Coruña convoca á cidadanía a participar na manifestación do Orgullo LGTBI+ que se celebrará o vindeiro 28 de xuño ás 19:30 horas, con saída dende a praza de Ourense e que rematará na praza de María Pita, onde terá lugar a lectura do manifesto.
A mobilización deste ano desenvolverase baixo o lema “Ás rúas con Orgullo! Disidencia e resistencia”, unha chamada a ocupar o espazo público dende a diversidade, a visibilidade e a reivindicación. Con este lema compartido coas entidades que conforman a Federación Estatal LGTBI+ (FELGTBI+), ALAS A Coruña quere poñer en valor a importancia de seguir defendendo os dereitos das persoas LGTBI+ fronte aos discursos de odio, os intentos de retroceso e as discriminacións que continúan presentes na nosa sociedade.
A asociación anima a toda a cidadanía, así como a colectivos, entidades e institucións comprometidas cos dereitos humanos, a sumarse a esta xornada reivindicativa para encher as rúas da Coruña de orgullo, diversidade e resistencia.
Sara Crespo, presidenta de ALAS A Coruña, destaca que “o Orgullo segue sendo unha ferramenta imprescindible para visibilizar a diversidade e reivindicar os nosos dereitos. Saímos ás rúas para celebrar os avances conseguidos, pero tamén para lembrar que aínda queda camiño por percorrer. Fronte a quen cuestiona as nosas vidas e os nosos dereitos, respondemos con máis comunidade, máis visibilidade e máis Orgullo”.
Dende a entidade lembran que o Orgullo é un acto de celebración, pero tamén de reivindicación e compromiso cunha sociedade máis libre, igualitaria e inclusiva.



