A nova orde de “neutralidade ideolóxica” da Xunta limita a educación en diversidade e dereitos humanos

Formación impartida por ALAS A Coruña. Propiedade da asociación, todos os dereitos reservados.
A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña amosou a súa preocupación pola nova orde da Consellería de Educación sobre a denominada “neutralidade ideolóxica” nos centros educativos, ao considerar que pode supoñer un importante obstáculo para a participación das entidades sociais na comunidade educativa e un retroceso na promoción de valores como a igualdade, a diversidade e o respecto aos dereitos humanos.
A entidade alerta de que a medida dificultará aínda máis o acceso das asociacións especializadas aos centros educativos, limitando as actividades formativas que complementan o labor docente e contribúen a crear contornas escolares máis seguras e inclusivas.
ALAS A Coruña considera especialmente preocupante o impacto que esta orde pode ter nas accións de prevención da LGTBIfobia e do acoso escolar por motivos de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero. A asociación lembra que o dereito do alumnado a recibir unha educación baseada na igualdade, na diversidade e na non discriminación está amparado pola lexislación educativa estatal e autonómica, así como polas normas de protección dos dereitos das persoas LGTBI+.
Presentar a educación en igualdade, diversidade e dereitos humanos como unha cuestión ideolóxica é un erro moi grave. Non estamos a falar de opinións, senón de dereitos fundamentais que as administracións públicas teñen a obriga de garantir”, sinala Sara Crespo, presidenta de ALAS A Coruña.

A entidade desenvolve desde hai anos o programa Dereito a Saber, financiado pola Deputación da Coruña, unha iniciativa dirixida a toda a comunidade educativa galega (alumnado, profesorado, persoal non docente e familias) para mellorar o coñecemento sobre diversidade afectiva, sexual, de xénero e familiar, así como para previr situacións de discriminación e acoso nos centros educativos.

ALAS A Coruña tamén advirte de que a nova regulación pode xerar inseguridade entre o profesorado e favorecer dinámicas de autocensura en cuestións relacionadas coa igualdade, a diversidade e os dereitos humanos. Ao xuízo da asociación, esta situación supón unha limitación da liberdade pedagóxica e da capacidade dos centros para responder ás necesidades reais do seu alumnado.
“O que necesitan os centros educativos son máis ferramentas para combater a discriminación e o acoso, non máis obstáculos administrativos nin mecanismos que poidan dificultar o traballo educativo e preventivo que se vén realizando desde hai anos”, afirma Pablo Zas Varela, responsable dos programas educativos da asociación.
Por todo isto, ALAS A Coruña solicita á Consellería de Educación que reconsidere esta medida e garanta a colaboración das entidades sociais especializadas na promoción da igualdade, da diversidade e dos dereitos humanos dentro da comunidade educativa.
¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.