Dende as nosas orixes, os nosos Estatutos establecen que somos unha asociación sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo a defensa dos dereitos das persoas LGTBI. Somos unha entidade apartidista (que non apolítica), aconfesional e feminista. A ponencia política, aprobada en xuntanza ordinaria no 2019, establece nove liñas de traballo:
Saúde Integral
Migración
Traballamos pola integración das persoas migrantes e refuxiadas. Por iso, ofrecemos información e asesoramento personalizado en colaboración con outras ONG e os servizos sociais da cidade.
Maiores
Como sociedade e como colectivo temos unha débeda histórica, xa que loitaron fai décadas polos dereitos dos que gozamos na actualidade. Compre visibilizar as súas historias, mellorar as súas condicións de vida —pensións dignas, atención sanitaria de calidade, residencias, etc.— e colaborar coas entidades que traballan na defensa da memoria histórica.
Rural
Galicia é unha comunidade eminentemente rural e a poboación vive tradicionalmente en núcleos moi dispersos. Loitamos pola visibilidade das realidades LGTBI nas vilas e pobos, para que as xentes do rural non estean obrigadas ao sexilio —abandono do lugar de orixe por mor da orientación sexual—
Laboral
Ofrecemos formación a traballadores e empresarias sobre o valor engadido que aporta a diversidade nas empresas e nas administracións públicas.
A maiores colaboramos co programa YesWeTrans da FELGTBI+, que persegue xerar oportunidades de inserción sociolaboral para as persoas trans. O obxectivo é reducir as alarmantes taxas de paro que afectan a este colectivo.
Educación
Cremos nun sistema educativo que eduque na diversidade; é por iso que colaboramos con centros de ensinanza, impartindo obradoiros para o conxunto da comunidade educativa (docentes, alumnado, ANPAS, etc.).
Mocidade
Queremos empoderar ás novas xeracións, facilitando a participación da mocidade no proceso de toma de decisións políticas e na vida da asociación.
Cultura
Traballamos promovendo en espazos da nosa comunidade espectáculos e manifestacións artísticas que visibilicen a diversidade, así como promocionando a producción das creadoras LGTBI.
Deporte
Visibilizamos a deportistas LGTBI para acadar a igualdade de dereitos neste eido.
Revisamos periodicamente estes eidos e actualizamos a nosa ponencia política redeseñando as liñas de traballo.