Manifesto del Orgullo de A Coruña 2026

Manifiesto del orgullo de A Coruña 2026
Imagen de archivo del Orgullo de 2024.

As organizacións que estamos hoxe aquí, ALAS A Coruña, ARELAS, Avante, CASCO, CATU, Fundación 26 de Decembro, CORUFest e LesCoruña, queremos comezar cunha palabra imprescindible: GRAZAS.
Grazas por estar.
Grazas por ocupar as rúas da Coruña.
Grazas por acompañarnos nunha defensa colectiva da liberdade, da igualdade e da dignidade de todas as persoas.
Porque o Orgullo é unha celebración, si. Pero é tamén memoria, resistencia e esperanza.
Existe porque aínda é necesario.
Nada do que temos chegou por casualidade.
Cada dereito foi conquistado por persoas que decidiron non aceptar a discriminación como destino. Persoas que abriron camiños cando todo parecía pechado. Persoas que converteron a súa vulnerabilidade en forza colectiva.
Hoxe estamos aquí grazas a elas.
E tamén por quen virá despois.
Vivimos un momento decisivo.
Non só porque continúen as agresións, os insultos ou a exclusión. Vivímolo porque asistimos ao avance de discursos que pretenden sinalar a diversidade como un problema e converter a intolerancia nunha opinión respectable.
Vivímolo cando un mozo denuncia unha agresión homófoba en Santiago despois de recibir golpes e insultos como «maricón de merda». Vivímolo cando persoas LGTBI+ seguen sendo agredidas nas nosas rúas simplemente por existir.
Porque o odio nunca aparece de repente. Antes da agresión chega o insulto. Antes do insulto chega o prexuízo. E antes do prexuízo chegan os discursos que intentan convencer á sociedade de que hai persoas que valen menos ca outras.
Por iso queremos dicilo con claridade:
O odio non é unha opinión.
O odio ten consecuencias.
O odio exclúe, humilla e agrede.
E cando o odio avanza, retrocede a liberdade de toda a sociedade.
Defender os dereitos LGTBI+ non consiste en reclamar privilexios. Consiste en defender Dereitos Humanos. O dereito a vivir sen medo. O dereito a existir con liberdade. O dereito a expresarse e a construír unha vida propia con dignidade.
Falamos da moza que aínda non se atreve a dicir quen é.
Do rapaz que segue escoitando insultos no instituto.
Da persoa trans que ve cuestionada a súa identidade.
Da persoa non binaria que continúa existindo nun limbo legal onde a súa realidade segue sen ser plenamente recoñecida.
Da persoa migrante que, malia ter dereitos recoñecidos sobre o papel, continúa atopando barreiras para que eses dereitos sexan unha realidade.
Da persoa maior que pasou media vida ocultándose.
Da persoa que abandonou a súa terra buscando un lugar onde poder respirar en liberdade.
Falamos de vidas reais.
De persoas que non piden nada extraordinario.
Só a mesma liberdade, a mesma seguridade e o mesmo respecto que merece quen forma parte desta sociedade.
Porque a igualdade non se alcanza cando se aproba unha lei.
Os dereitos fanse reais cando poden exercerse cada día, en cada barrio, en cada escola, en cada centro de saúde, en cada lugar de traballo e en cada recuncho do territorio.
Por iso hoxe non só celebramos.
Tamén reivindicamos.
Reivindicamos o dereito a vivir visibles, libres e con dignidade.
Reclamamos políticas públicas valentes que garantan a protección efectiva fronte á violencia e á discriminación.Por iso reclamamos a aprobación urxente dun Pacto de Estado frente aos discursos de odio e a modificación da lei galega LGTBI.
Esiximos unha resposta firme contra os discursos de odio, veñan de onde veñan.
Defendemos unha educación que ensine respecto, convivencia e diversidade, porque o coñecemento segue sendo a mellor ferramenta contra a intolerancia.
Reivindicamos unha sanidade pública accesible, respectuosa e libre de discriminación para todas as persoas.
Defendemos espazos seguros nos centros educativos, nos lugares de traballo, no deporte, na cultura e no lecer.
Defendemos o dereito a unha vivenda digna, espazo indispensable para unha vida digna.
Porque a diversidade debe ser respectada, protexida e celebrada.
Tamén reclamamos igualdade real en todo o territorio.
Porque a liberdade non pode depender do código postal.
Porque os dereitos non poden diminuír cando remata a cidade.
Queremos unha Galicia onde cada persoa poida vivir con orgullo, seguridade e liberdade.
Nas cidades.
Nas vilas.
No rural.
En todas partes.
Queremos unha Galicia onde a infancia e a mocidade LGTBI+ medren sabendo que non están soas. Onde as persoas maiores vexan recoñecida a súa historia. Onde ninguén teña que marchar para poder ser quen é.
E queremos unha Coruña comprometida cos dereitos humanos os 365 días do ano.
Unha cidade que non mire cara a outro lado fronte á discriminación ou ás guerras en lugares como Ucraina, Palestina ou Líbano.
Unha cidade que protexa ás persoas máis vulnerables.
Unha cidade que transforme os seus valores en feitos.
Porque unha sociedade diversa non se constrúe cunha bandeira durante unha semana.
Constrúese con educación.
Constrúese con recursos.
Constrúese con acompañamento.
Constrúese apoiando o traballo das entidades que sosteñen esta loita.
Pero esta causa non pertence só ás asociacións nin ás institucións.
Pertence a todas as persoas que cren na liberdade.
A todas as persoas que cren na igualdade.
A todas as persoas que saben que os dereitos humanos non admiten excepcións.
Por iso queremos falar tamén ás persoas aliadas.
Ás que acompañan.
Ás que escoitan.
Ás que actúan.
Ás que entenden que a defensa da dignidade dunha persoa fortalece a dignidade de toda a sociedade.
Necesitámosvos.
Porque ningún dereito está garantido para sempre.
Porque a liberdade necesita ser defendida xeración tras xeración.
Porque o futuro constrúese colectivamente.
E porque somos máis cando avanzamos xuntas.
Hoxe queremos marchar desta praza con orgullo, pero tamén con determinación.
Coa certeza de que non imos aceptar retrocesos.
Coa certeza de que non imos calar fronte á intolerancia.
Coa certeza de que a diversidade é unha riqueza que fai mellor esta sociedade.
Que se escoite na Coruña.
Que se escoite en toda Galicia.
Que se escoite en cada cidade, en cada vila e en cada recuncho desta terra.
Non imos pedir permiso para existir.
Non imos esconder quen somos.
Non imos retroceder.
Porque non queremos sobrevivir.
Queremos vivir.
Vivir libres.
Vivir visibles.
Vivir con dignidade.
E seguiremos ocupando as rúas mentres haxa quen teña que ocultarse, quen teña que marchar ou quen teña que vivir con medo.
Porque mentres exista discriminación, haberá Orgullo.
Mentres exista violencia, haberá Orgullo.
Mentres exista unha soa persoa obrigada a esconder quen é, haberá Orgullo.
Aquí seguiremos.
Con memoria.
Con comunidade.
Con esperanza.
Coa forza de quen sabe que a liberdade sempre acaba atopando o seu camiño.
Por iso hoxe facemos un chamamento a toda a sociedade:
Defendede os dereitos humanos.
Combatide o odio.
Facede visible a diversidade.
Non miredes para outro lado.
Tomade partido pola dignidade, pola igualdade e pola liberdade.
Porque o futuro que queremos non se espera.
Constrúese.
E comeza aquí.
Agora.
Nas rúas.
Xuntas.
ÁS RÚAS CON ORGULLO!
DISIDENCIA, E RESISTENCIA!

ÁS RÚAS CON ORGULLO!
DISIDENCIA, E RESISTENCIA!

¡Haz que llegue a más gente!
error: Este contenido está protegido. Este contido está protexido.