A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña, entidade responsable do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, ven de publicar o informe Unha diversidade libre. Os datos recollidos nesta sexta publicación amosan, por terceiro ano consecutivo, unha estabilización no número de atencións rexistradas malia o seu lixeiro crecemento.
O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia contou dende os seus comezos co financiamento do Concello da Coruña. Este servizo é único en toda Galicia e, dende 2017, pon cifras á situación que vive á comunidade LGTBI+ nas catro provincias. No 2023 levou a cabo 352 atencións vencelladas a 227 casos. Un 66,4% das persoas atendidas polo servizo foron españolas, fronte ao 32,7% composto por persoas de 21 nacionalidades diferentes. Este alto volume de traballo implica que practicamente o servizo atende dous novos casos cada tres días. Un ano máis, as persoas residentes na cidade da Coruña son as que fan un maior uso (61,08%) do observatorio. A maiores, e atendendo á tipoloxía das atencións realizadas por este servizo, compre destacar que, por vez primeira dende a existencia do observatorio, os asesoramentos vencellados ao eido sanitario ocupan a primeira posición.
Ao longo dos doce meses que abrangue o informe, rexistráronse 48 incidentes de odio, dos cales 43 poden ser considerados como agresións cara a comunidade LGTBI+ galega. Estes datos amosan un lixeiro descenso nos incidentes rexistrados, mais un aumento na compoñente violenta que caracteriza aos mesmos. Como en anteriores edicións deste informe, a vía pública foi o principal escenario da LGTBIfobia seguido de preto polos acontecidos no fogar.
En palabras da presidenta da entidade, Ana G. Fernández: “O aumento da compoñente violenta nos incidentes de odio rexistrados polo observatorio amosan a necesidade de aprobar un Pacto de Estado contra os discursos de odio, antesala dos delitos de odio” ao tempo que pide “máis recursos para a formación á xudicatura e á Fiscalía nesta materia seguindo os pasos dados por corpos como a Policía Nacional ou a Garda Civil co fin de mellorar a detección e tratamento da LGTBIfobia”.