![](https://alasacoruna.org/wp-content/uploads/2024/05/Programacion-del-orgullo-2024-1024x1024.png)
![](https://alasacoruna.org/wp-content/uploads/2024/05/Programacion-del-orgullo-2024-1024x1024.png)
A asociación ALAS A Coruña presenta a súa programación con gallo do Orgullo LGTBI+ 2024, composta por máis dunha decena de actividades distribuídas ao longo do mes de xuño, na súa meirande parte na cidade da Coruña, pero tamén noutros puntos da xeografía galega como Padrón.
ALAS A Coruña convida a toda a cidadanía a sumarse ás celebracións do Orgullo LGTBI+ 2024, cunha programación que combina actividades formativas, lúdicas e culturais. O 1 xuño, e xunto coa Deputación da Coruña, darase o pistoletazo de saída cunha charla na Normal – UDC sobre o fenómeno do sexilio co comunicador Bob Pop. Ademais, dentro das actividades formativas impartirase na sede da asociación un obradoiro de estratexias para ligar a cargo de Boca a Boca Educación Sexual.
Como en anos anteriores, a programación do Orgullo de ALAS A Coruña reserva un lugar destacado para a cultura e a memoria LGTBI+ coa entrega dos XX premios Marcela e Elisa o 8 de xuño no Espazo Cultural Galgo Azul ou o cine fórum da película galardoada de tres Goyas e un oso de prata na Berlinale, 20.000 especies de abejas, o 14 de xuño no auditorio de Padrón.
A asociación fai incidencia os 365 días do ano na importancia do coidado da saúde sexual, é por iso que o 12 de xuño organiza unha xornada intensiva de probas rápidas de VIH e hepatite C de xeito anónimo e de balde no seu local. Nun plano xa máis de lecer, ALAS A Coruña en colaboración coa Fábula Café, anima a compartir un brunch solidario o 22 de xuño neste local de hostalaría.
Ao longo de todo o mes xuño, a asociación convida a toda a cidadanía a decorar fiestras e balcóns da cidade coas cores do Orgullo, compartindo as súas creatividades nas redes sociais baixo o cancelo #FachadaConFachenda.
O acto central do Orgullo será a manifestación do día 28 que percorrerá A Coruña e que anualmente congrega a milleiros de persoas defensoras dos dereitos humanos.
A programación completa estará dispoñible nas redes sociais e na web de ALAS A Coruña.