ALAS A Coruña convoca mañá, 28 de xuño, día do Orgullo LGTBI, unha manifestación que sairá ás 19:30 da praza de Ourense e rematará na praza de María Pita coa lectura do manifesto.


Baixo o lema Fronte ao odio e a violencia. Visibilidade, Orgullo e Resistencia, ALAS A Coruña anima a toda a cidadanía a sumarse a esta convocatoria. A manifestación, na que participarán entidades LGTBI, asociacións feministas, sindicatos ou partidos políticos, entre outras, partirá ás 19:30 da praza de Ourense e rematará na praza de María Pita coa lectura do manifesto.
A convocatoria deste ano recupera a antiga normalidade tras uns anos moi difíciles nos que a comunidade LTGBI ten padecido o aumento dos casos de delitos de odio, esporeados polos discursos contrarios aos dereitos humanos. Desgraciadamente, A Coruña coñece de sobra as consecuencias do odio, materializado no asasinato de Samuel Luiz.
Precisamente, e para protexer á comunidade LGTBI, esta manifestación reclamará, por segundo ano consecutivo, a aprobación a nivel estatal de lexislación que garanta os seus dereitos, especialmente os das persoas trans, non binarias, menores, refuxiadas, etc.
Finalmente, ALAS A Coruña convida a toda a cidadanía a lucir a bandeira LGTBI, e agarda que o Concello da Coruña faga o propio no Pazo de María Pita, xa que se trata dun símbolo compatible co espírito constitucional e non vulnera a lei de bandeiras.